A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitou este domingo, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) a redacción dos proxectos sectoriais correspondente a área de viais, espazos libres e infraestruturas, e a área de usos complementarios, previstos no plan sectorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, nos terreos da ETEA.
Segundo consta na resolución publicada hoxe no DOG, a redacción destes proxectos conta cun orzamento aproximado conxunto de 200.000 €. Unha vez adxudicada a redacción dos proxectos levarase cabo a licitación das obras de urbanización dos dous ámbitos, estimada en 3,4 millóns de euros para a área de viais e en 1,4 para a área de usos complementarios.
Respecto ao proxecto sectorial da área de viais, espazos libres e infraestruturas, resolverá a urbanización deste ámbito e as conexións exteriores coas redes xerais de infraestruturas definidas no propio plan sectorial. Este ámbito abrangue unha superficie de 20.029 m2 e conta cun orzamento estimado de redacción do proxecto de 130.284 €.
Pola súa banda, o ámbito do proxecto sectorial da área de usos complementarios defínese nos planos de ordenación do plan sectorial de ordenación territorial do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar como PS-6, cunha superficie de 21.199 m2.
O proxecto sectorial licitado ordenará detalladamente o ámbito, para a localización de usos complementarios dos científicos-tecnolóxicos, tales como os socio-asistenciais, socio culturais, residenciais, servizos de xestión e innovación empresarial e terciarios complementarios.
O orzamento estimado de redacción do proxecto sectorial, que inclúe a redacción do proxecto executivo das obras e documento de ordenación, ascende a 71.760 €.
Usos recreativos
As licitacións publicadas no DOG únense á xa levada a cabo polo Goberno Galego para o proxecto de ámbito que abarcará os usos recreativos, cuxas obras serán licitadas en breve. Trátase dunha superficie de 7.625 m² nos que se definirán pistas deportivas, patinaxe e de skate, un parque infantil, así como zonas para paseos, cafetería e vestiarios, ao tempo que se respectan as árbores valiosas e potenciando a amplitude e o aproveitamento da zona. Tamén acondicionarase unha senda peonil no borde litoral que dará continuidade ao actual paseo que une Punta da Guía coa ETEA.
Plan Sectorial
O Plan Sectorial, aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de febreiro, aposta por converter os terreos da antiga ETEA nun centro de referencia e excelencia da investigación mariña a nivel internacional, ao tempo que procura a integración do barrio vigués de Teis-A Guía, contribuíndo á súa revitalización.
O obxectivo é acadar un espazo multidisciplinar, no cal se unan os usos sociais – asistenciais, culturais, deportivos, residenciais, entre outros- e os científicos, co fin de atraer a cidadanía cara a este campus.
Teis presenta un claro déficit de infraestruturas deportivas, de lecer e esparexemento a pesar de ser un barrio de alta densidade de poboación. No proxecto tivéronse en conta as demandas veciñais, a dispoñibilidade do espazo e as características da zona.
A superficie total contemplada no Plan sectorial é de 115.000 metros cadrados, repartidos do seguinte xeito:
Proxecto Sectorial Área de viais, espazos libre es infraestruturas. Superficie de 20.029 m². Mantén as determinacións establecidas no anterior Plan
Proxecto Sectorial Área Científico-Tecnolóxica 1, neste ámbito integraranse as instalacións da Iniciativa Atlántica en Investigación e Tecnoloxía Mariña do Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Os novos usos localizaranse ben nos edificios existentes ou nos espazos vacantes cunha superficie de 16.042 m²
Proxecto Sectorial Área Científico-Tecnolóxica 2, redúcese, respecto do Plan anterior, o seu ámbito ao ocupado polos edificios Faraday e Siemens (antigas denomiacións ETEA), para acoller as novas demandas do Campus de Excelencia Internacional, nun ámbito de 4.180 m².
Proxecto Sectorial Área Científico-Tecnolóxica 3, albergará as instalacións do Instituto Español de Oceanografía e o Módulo Tecnolóxico do Mar da Universidade de Vigo, atendendo aos requerimentos destes dous organismos, ten unha superficie de 14.684 m², e edificabilidade non superará os 7.000 m² construídos.
Proxecto Sectorial Equipamento deportivo, usos complementarios dotacionais e Parque Urbano, mantén a delimitación do seu ámbito establecido no Plan anterior, e as súas determinacións. Só se modifica a súa denominación cunha superficie de 31.291 m².
Proxecto Sectorial Área de Usos recreativos, mantéñense os usos relacionados coa potenciación do goce e uso público do litoral e a apertura da praia do Areal da Punta á cidadanía. O Proxecto sectorial ordenará o ámbito para a localización de usos relacionados coa potenciación do uso do litoral e apertura da devandita praia. Exclúense dos usos permitidos os relacionados coa náutica deportiva e os recreativos turísticos e comerciais complementarios da actividade do campus científico-tecnolóxico, a superficie é de 7.625 m² e edificabilidade que non superará os 2.150 m² construídos.
Proxecto Sectorial Área de Usos complementarios, ordenará detalladamente o ámbito para a localización de usos complementarios dos científico-tecnolóxicos, tales como os socio-culturais, socio-asistenciais, socio-culturais , residenciais, así como os servizos de xestión e innovación empresarial, a superficie de 21.199 m², e edificabilidade máxima de 14.600 m².