Galicia

Os sindicatos chaman a concentrarse este venres diante das asociacións de empresarios de toda Galicia

A CIG, CCOO e UGT desenvolverán este venres 7 de setembro protestas conxuntas en toda Galicia en defensa da negociación colectiva. As organizacións sindicais teñen convocadas concentracións diante das asociacións de empresarios  (Vigo, García Barbón, 104), baixo o lema “A negociación colectiva é un dereito”. Ao mesmo tempo, as centrais fixeron público un manifesto no que alertan sobre os plans do Goberno para rematar cunha ferramenta básica para a conquista de dereitos laborais por parte da clase traballadora.

En opinión das centrais sindicais, “a reforma laboral do Partido Popular, contestada amplamente pola clase traballadora na folga do día 29 de marzo, xunto á situación económica de crise, está a causar una paralización e unha ruptura do marco de negociación colectiva construída nos últimos 35 anos”.

CIG, CCOO e UGT salientan que a aposta do Partido Popular por destruír este marco mediante a reforma laboral contribúe ao empobrecemento da poboación e a un deterioro máis acusado e acelerado da economía, provocando unha “caída dos dereitos laborais, unha superlativa precariedade e un descenso do consumo que condena ao peche a miles de pequenas e medianas empresas coa conseguinte multiplicación do desemprego”.

Os sindicatos advirten que esta reforma busca a individualización das relación laborais e a estratificación dos convenios colectivos a ámbitos da empresa, o que orixinará una competencia feroz e desleal entre empresas dunha mesma actividade, “premiando a aquelas que precaricen e abaraten as condicións de traballo”; ao tempo que pretende prescindir dos interlocutores históricos que participan na negociación colectiva, asociacións empresarias e sindicais.

 

También te puede interesar