Cultura

A revista Galimatías, do Programa Bocaberta, chega ás librerías nun volume recopilatorio

060110galimatiasA revista xuvenil Galimatías de banda deseñada en galego, que forma parte do programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística, recolle os seus primeiros vinte números nun volume recompilatorio a modo de libro que xa está dispoñible nas librerías de Galicia. Ademais, e para darlle unha maior visibilidade á banda deseñada en galego, farase un envío destes primeiros vinte números da revista aos centros de ensino galegos nas próximas semanas.
A revista Galimatías naceu en abril de 2009 cun claro obxectivo: achegar historietas en lingua galega a todos os rapaces e rapazas. Ata o mes pasado publicáronse un total de vinte números, que se distribuíron gratuitamente a través de El Correo Gallego e El Mundo Galicia, cunha periodicidade quincenal.

Iniciativas para a dinamización da lingua galega
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de desenvolver o programa Bocaberta, un proxecto que o departamento que dirixe Anxo Lorenzo puxo en marcha coa colaboración das principais editoriais de Galicia para fomentar o uso do galego nas franxas de idade máis novas. Ademais da revista de banda deseñada Galimatías, de El Patito Editorial, no programa Bocaberta tamén tiveron cabida moitas outras actividades elaboradas desde os intereses dos nenos e dos mozos, como teatriños, exposicións, contacontos, emisións radiofónicas, montaxes audiovisuais, obradoiros de diversas temáticas ou proxeccións de películas.

 

O programa Bocaberta, que finalizou o mes pasado, deixou un balance de 970 actividades realizadas nun total de 265 concellos de Galicia, nas que participaron máis de medio millón de rapaces e rapazas de idades comprendidas entre 3 e 18 anos. Con este programa, a Xunta de Galicia reafirma a súa vontade de fomentar o galego entre os máis pequenos, buscando a implicación das administracións, dos axentes culturais e do conxunto da sociedade.

 Unha porta a Galimatías a través da rede
 Xunto coa revista Galimatías púxose en marcha o día 1 de abril a webwww.ouniversodegalimatias.com   que ven de recibir o Premio Eganet á mellor web de comunicación 2009. Trátase dun espazo complementario da revista, no que as series e todo o universo Galimatías está reflectido e ampliado. Na web pódense atopar distintos contidos relacionados co mundo da banda deseñada en lingua galega, a animación ou a música en galego. Así mesmo, tamén hai espazos para ler entrevistas cos autores das series, para a aprendizaxe de técnicas para debuxar cómic, concursos e mesmo encontros dixitais cos debuxantes.Grandes historias e debuxantes
Durante estes vinte números publicáronse un total de 253 páxinas de cómic dalgúns dos mellores debuxantes de Galicia, como Fran Bueno, Enma Ríos, Ramón Marcos, Álex Cal ou Macaco. Entre as series que conforman a revista Galimatías están Amor inmortal, que se ofreceu en primicia na revista. Por outra banda, Hexed. A marca de Lucifer e mais Vento do norte chegaron directamente de Estados Unidos. Outras das series da revista son Terragótica, Silvana. A filla do explorador e Os Fdez. no corazón da noite, que se crearon para a publicación. O recentemente falecido Alfons Figueras foi a única colaboración nacional, que publicou cinco contraportadas das súas Historias extraordinarias.

 

 

También te puede interesar