Música y Cine

Don Siegel, Coppola, Akin e Samuel Fuller na programación do Centro Galego de Artes da Imaxe

la-jungla-humana-1A programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) para o mes de xaneiro comezará mañá xoves día 7 coa proxección de Contra la pared, do cineasta alemán de orixe turca Faith Akin, unha película gañadora do Ouso de Ouro á mellor película e do premio ao mellor director no Festival de Berlín de 2004.

O CGAI incluirá, na súa programación para o primeiro mes de 2010, diferentes ciclos monográficos dedicados a cineastas tanto nacionais como internacionais, entre os que destaca o inicio da completa retrospectiva sobre o director norteamericano Samuel Fuller. Este ciclo comezará coa proxección das películas Forty Guns, e Verboten! e continuará nos vindeiros meses.

O Centro Galego de Artes da Imaxe dedicará un ciclo específico aos cineastas Juan Villegas e Celina Murga, que incluirá a proxección de Sábado, de Villegas, e Los Otros, de Murga, ademais de varios dos seus curtos. Continuarase, ademais, co ciclo de Faith Akin coa emisión, despois de Contra la pared, de Cruzando los puentes. Los sonidos de Estambul e Al otro lado.

O CGAI emitirá neste mes de xaneiro o ciclo titulado Marcelo Expósito. Ensaios sobre a nova imaxinación política, unha serie cos traballos deste artista e activista sobre o ascenso dos novos movementos sociais realizados entre 2004 e 2009. Estrearanse, coa presenza do propio Expósito, o seu último traballo No reconciliados. Nadie sabe lo que el cuerpo puede, filmado en Arxentina.

A programación de xaneiro do Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe, tamén, unha nova edición do ciclo New Hollywood Novos Thrillers, que este mes presenta as películas Los nuevos centuriones , de Richard Fleisher, La conversación, de Francis Ford Coppola, Pelham, 1,2,3, de Joseph Sargent e La Jungla Humana, de Don Siegel. Ademais, e dentro da programación de CGAI Junior proxectarase, o sábado 16, Bienvenidos a Belleville, recomendada para nenos a partir de 11 anos.

Ciclo ‘Fóra de serie’

O Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe, na súa programación do mes de xaneiro de 2010, novas proxeccións centro de ciclo Fóra de serie. Así, o luns 11 de xaneiro proxectaranse algúns dos curtos premiados na última edición do festival de cine máis importante dos celebrados en Galicia, o de Cans. Esta proxección contará coa presentación de Alfonso Pato, director do festival, e coa presenza dos directores Dani de la Torre e Toni Veiga.

Tamén dentro do ciclo Fóra de serie, o próximo venres día 29 presentarase o libro editado polo CGAI e dedicado a Ramón Barreiro –Ramón Barreiro. Humor, parodia e modernidade– editado por José Luis Castro de Paz e Xaime Fandiño. Esta presentación incluirá, ademais, a proxección da ópera prima deste cineasta: El sobrino de Búfallo Bill (1944).

También te puede interesar