Os vindeiros 18 e 19 de outubro Santiago acollerá a III Libre Software World Conference (LSWC’12), que se celebrará nas instalacións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia na Cidade da Cultura (Amtega).
Este encontro internacional, organizado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL, co apoio da Federación Nacional de Empresas de Software Libre, ASOLIF, e Amtega, ten entre os seus obxectivos dar a coñecer casos de éxito baseados no software libe, dar conta das últimas novidades e establecer un marco para o encontro entre empresarios, usuarios e as propias administracións.
Son xa máis de 400 os inscritos no encontro que terán a oportunidade de coñecer experiencias, proxectos, avances, casos concretos, foros de discusión relacionados coas tecnoloxías do software libre pero tamén coa compoñente social e colaborativa do mesmo
Ademais a LSWC’12 suporá tamén un punto de encontro e intercambio de coñecemento sobre novidades, iniciativas, e proxectos en software libre desenvolvidas a nivel internacional, grazas á participación de expertos e profesionais de distintos países. O evento será tamén unha potente ferramenta de comunicación para a difusión do software libre aplicado a ámbitos como a economía, a sociedade e as administracións
Relatores internacionais
Entre o listado de relatores de referencia do software libre a nivel internacional que participarán no encontro están Bruce Perens, creador da definición de Open Source Definition e cofundador da Open Source Initiative (OSI); Chris DiBona, director de Open Source para Google, Mountain View; Christian Felber, especialista en economía sustentable e alternativas aos mercados financeiro; Júlio Cezar Neves, director do Servizo Federal de Procesamiento de Datos (Serpro) do Gobierno de Brasil; Fernando Botelho, Fundador de F123, grupo que deseña proxectos co obxectivo de reducir a pobreza e mellorar o acceso á tecnoloxía ou John Sullivan, director executivo da Free Software Foundation
Ademais destas sesións plenarias impartidas por persoas de referencia e gran relevancia mundial o programa incorpora unha gran variedade de relatorios e mesas debate sobre temas e proxectos que abranguen diversos ámbitos e perspectivas das tecnoloxías libres distribuídas en tres liñas principais: Cidadanía, Empresas e Administracións Públicas.
Como novidade inclúese o Espazo Comunidade, foro no que será posible coñecer o que fan e como é posible participar nas Comunidades de Desenvolvedores asociadas ás Aplicacións liberadas pola Administración Pública en España. Aquí encontrarase aos dinamizadores e managers das comunidades como @firma, OpenDNIe, XBRL, PALS, Linex ou, Proyecto AMA de migración a Bases de Datos Libres, entre outros.
Toda da información sobre sobre o congreso está dispoñible na web www.libresoftwareworldconference.com.