É máis barato e ecolóxico. Compartir coche é unha boa alternativa para desprazarse ao posto de traballo e, por suposto, á facultade. A Agora, baixo o lema Cheo, por favor!, a Universidade de Vigo pon en marcha unha nova edición da campaña de coche compartido, unha iniciativa que xa tivo un primeiro impulso no ano 2006 e coa que se pretende reducir o número de vehículos que se desprazan aos distintos campus.
As enquisas realizadas pola Oficina de Medio Ambiente, OMA, durante o Día Mundial Sen Coches deixaron claro que un gran número de persoas usan os vehículos privados para desprazarse cara aos campus diariamente, sobre todo no caso de Vigo, e unha alta porcentaxe viaxan soas aínda que a maioría estaría disposta a compartir coche. E de aí xurde esta iniciativa.
A campaña relaciona aos participantes por dous criterios esenciais: hora de traslados e punto de orixe, a fin de facer coincidir itinerarios similares. Xa hai doce rutas dispoñibles: a maioría parten de diferentes puntos da cidade (avda. Buenos Aires, rúa Julia Minguillón, Rosalía de Castro, zona Corte Inglés…), pero xa están dispoñibles outras zonas da área metropolitana como Santa Cristina de Cobres en Vilaboa, Pontellas en Porriño ou o Alto de Mos, así como traxectos máis longos que parten de cidades como Ourense ou Santiago de Compostela.
Vantaxes
Con que só se reducise un dez por cento o número de vehículos cun só ocupante xa se suprimirían 520 toneladas de CO2, pero tamén é unha medida de aforro para os usuarios e unha forma de descansar ao alternar a conducción. Ademais, para premiar a fidelidade, farase un sorteo periódico dunha tarxeta de carburante.
Calquera persoa interesada, con ou sen vehículo, pode darse de alta no servizo. O único requisito é encher os datos persoais e de contacto no formulario que hai dispoñible na páxina da OMA no que se recollen os lugares de partida, puntos polos que se adoita pasar e horarios.