Temperaturas entre -3 e -2 graos acompañadas por fortes ventos que producen unha sensación térmica de moito máis frío. Días con 22 horas de luz. Xornadas de traballo de 24 horas diarias, sete días á semana, só interrompidas por unhas condicións adversas no mar que impidan desenvolver a actividade a bordo. Estamos na Antártida e estas condicións que farían que moitas persoas desistisen de desenvolver ningunha actividade, non impiden que outras afirmen que “é un privilexio estar traballando aquí e hai que sacarlle o maior partido”.
Nove investigadores do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo participa ata principios de febreiro a bordo do buque Hespérides no proxecto ‘Acoplamento físico-biolóxico no rango da mesoscala arredor das Illas Shetland do Sur (COUPLING)’. Xunto a estudosos das universidades de Las Palmas e Cádiz e do Centro de Investigaciones Marinas de Andalucía-CSIC, os investigadores da Universidade de Vigo traballan na recollida de mostras no Estreito de Bransfield e no Paso de Drake, tan temido pola súas tormentas.
Este proxecto multidisciplinar no que participan oceanógrafos, físicos, químicos e biólogos coa finalidade de estudar o ecosistema da zona céntrase “na influenza das distintas masas de auga, correntes e turbulencias na distribución dos organismos que viven na columna de auga, desde as bacterias e fitoplanton al zooplancton como o krill e as larvas de animais. Ademais estudamos a cadea trófica nestas augas”. Tras varios anos de traballo a Universidade de Vigo confírmase como unha das institucións académicas que máis científicos está achegando ao programa de investigación polar español, o que se traduce ademais nun incremento no número de publicacións e teses de investigación.
No proxecto que se desenvolve ao longo deste mes de xaneiro de 2010 e que suma o terceiro na Antártida para este grupo, os investigadores vigueses encárganse da recollida dos datos de temperatura, salinidade e velocidade das correntes para describir a parte física. Facer mostraxes do zooplancton con redes especiais que arrastra o Hespérides e que recollen as mostras a diferentes profundidades desde os 400 metros ata a superficie é outra das actividades desenvolvidas ao longo das semanas que dura o proxecto que tivo o seu inicio cando os investigadores embarcaron en Punta Arenas (Chile) o 3 de xaneiro que e finalizará o 4 de febreiro en Ushuaia.
As noites de dúas horas
Nesta época do ano na rexión da Antártida onde se desenvolve o proxecto só hai dúas horas de noite nas que a luz non chega a desaparecer de todo. Así, o traballo dos investigadores desenvólvese ao longo de quendas de 24 horas ao día, sete días á semana. “O ritmo de traballo é moi intenso, sen xornadas de descanso, salvo cando a mar está moi mal e non se poden largar aparellos á auga e hai que buscar abrigo dalgunha illa ou simplemente poñer o barco proa ao vento, mantendo a posición á espera de que mellore o tempo”, relatan.
Pero non son poucas as dificultades de traballar sobre a cuberta do barco durante horas “cun vento frío que se mete por toda a roupa e produce unha sensación térmica de moito frío. Non podemos ter luvas moi grosas para poder traballar e manexar ao tempo os aparellos”.