Cultura

Os avogados axudan a ampliar o Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura

O Arquivo de Galicia, situado na Cidade da Cultura, poderá ampliar os seus fondos grazas á doación de arquivos ligados ao exercicio profesional de avogados e de administradores de propiedades de Santiago de Compostela dos séculos XIX e XX. Estas achegas súmanse á realizada en novembro de 2008 por Manuel Couzo de 5 discos en vinilo que recollen gravacións realizadas en Bos Aires nos anos 1953 e 1954 de discursos de Ramón Suárez Picallo e ás series documentais de valor histórico que xa está a custodiar na actualidade.

O fondo documental doado polos irmáns Vilariño Pintos de Santiago de Compostela procede da súa familia e está constituído por 42 atados con documentos dos séculos XIX e XX, aínda que se atopan tamén outros de séculos anteriores, incluso tres do século XV. Moitos deles están relacionados coa función que como administradores de propiedades de diferentes familias, coas que tiñan, ás veces, lazos de parentesco máis ou menos próximos, exerceron antepasados dos doantes durante varias xeracións. Así, ademais de datos xenealóxicos, aportan interesante información do contexto económico e social no que se desenvolven os seus protagonistas.

Entre todos este documentos destacan a frescura de relatos de primeira man como o manuscrito Memoria de una Buena Amistad, que dá conta da mantida entre don Manuel Villarino, bibliotecario da Universidade na segunda metade do século XIX, e o Conde de Torrenovaes, a correspondencia de Eduardo Vilariño Magdalena con políticos da época da Restauración ou a correspondencia entre José de Andrés Moreno  e o marqués de Monroy. Todos estes testemuños resultan de interese para coñecer a vida económica dun sector social compostelán concreto durante o século XIX, ligada ás rendas procedentes da terra.

Ademais, os documentos tamén dan conta de empresas económicas de maior calado, como a posta en marcha do ferrocarril Carril-Santiago ou a introdución de melloras nas explotacións agrarias do marqués de Monroy, actividade que este aristócrata combinará coa creación de industrias conserveiras ou a explotación navieira. Todo elo transcende, pois, o ámbito familiar ou local para converterse en testemuño da historia social e económica de Galicia.

165 atados de avogacía

O outro fondo documental que recibe en doazón o Arquivo de Galicia é o do avogado Clemente González Peón, ofertado pola súa viúva, dona  María Dolores Soler Yolif. Nacido en Santiago en 1924, neto de Maragatos, a súa familia estivo vinculada ao mundo empresarial: o seu avó, Clemente González foi fundador da Cámara de Comercio e o  seu pai, Víctor González Álvarez, foi tamén coñecido empresario, propietario dos  cines Capitol e  Yago. Profesionalmente exerceu a carreira xudicial e o exercicio libre da avogacía, dedicando unha  especial atención ao mundo das empresas. Desempeñou tamén o cargo de director xeral da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e formou parte da primeira corporación democrática municipal de Santiago. O seu arquivo, composto por 165 atados, recolle os testemuños de 50 anos ininterrompidos de exercicio profesional.





También te puede interesar