Preto de 6.762 estudantes galegos de Formación Profesional, módulos profesionais experimentais, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial beneficiáronse das axudas económicas para a realización de Formación práctica en Centros de Traballo (FCT) cos que fixeron prácticas entre outubro de 2008 e agosto de 2009, cunha inversión total de 1.469.955 euros. Haberá unha segunda quenda para máis de 3.700 alumnos que realizaron as prácticas entre setembro e decembro do ano pasado cun presuposto de 916.000 euros.
Este programa baséase na realización de prácticas de carácter non laboral que se desenvolven nun ámbito produtivo real, con contidos consistentes na realización de actividades produtivas propias do perfil profesional. Trátase de módulos obrigatorios en todos os ciclos formativos, indispensable para a obtención do título académico e que persigue a aplicación dos coñecementos teórico-prácticos adquiridos nos centros educativos, de tal forma que se poida avaliar a competencia profesional do alumnado nunha situación real de traballo coa participación empresarial. Por outra banda, a FCT, permite ao alumnado coñecer e comprender, de forma real, a organización socio-laboral dun centro de traballo, co fin de facilitar a súa futura inserción laboral.