O tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou este luns a “total sintonía” que existe entre o que defende o BNG e a postura de CIG e UXT respecto á defensa dunha fusión paritaria e equitativa de Caixanova e Caixa Galicia. Tras a xuntanza que mantivo cos responsables comarcais destas dúas centrais sindicais, Serafín Otero e Antonio Juste, respectivamente, o nacionalista afirmou que a deslocalización e a bancarización consecuencia dun SIP con caixas de fóra son dous dos problemas polos que existe unha preocupación común cos sindicatos.
“Queremos que os traballadores manteñan os seus postos de traballo aquí e que non teñan que ir fóra”, manifestou o tenente de alcalde. Asemade, tras a xuntanza cos responsables comarcais de CIG e UXT, subliñou que a nova caixa debe server para afondar na “estabilidade do emprego e na mellora das condicións laborais” co obxectivo de blindar á entidade resultante da fusión “para futuras operacións”. Ao seu xuízo, os traballadores “non teñen a culpa de que Caixanova e Caixa Galicia non fixeran os deberes e de que non poidan seguir soas”.
O tenente de alcalde indicou que coa xuntanza celebrada hoxe cos responsables comarcais de CIG e UXT, e na que tamén participou a concelleira de Benestar Social e voceira do grupo municipal nacionalista, “dende o BNG mantéñense as conversas para explicar aos interlocutores sociais a posición sobre a Lei de Caixas”. Neste sentido indicou que mañá manterá unha reunión co responsable comarcal de CC OO.
En resposta aos medios respecto do informe elaborado polo IGEA, que preside Anxo Quintana, e as declaracións de Xosé Manuel Beiras, nas que se posicionaban en contra da fusión, o tenente de alcalde explicou que a posición do BNG é clara e quedou reflectiva o pasado sábado no Consello Nacional, co seu apoio unánime “a favor da integración e a prol dunha caixa galega”.
Respecto ao informe do IGEA (Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos), Santi Domínguez indicou que está “baseado en suposicións, posto que ninguén coñece en que termos se vai facer a fusión”. Pola contra asegurou que existen outros informes elaborados por outros sectores con solvencia que din que un SIP leva á deslocalización e á bancarización. No tocante ás manifestacións de Xosé Manuel Beiras, sinalou que se trata da postura dunha persoa do BNG “pero que non fala en nome da dirección”.
O tenente de alcalde reiterou que o BNG defende que os aforros dos vigueses non se vaian para Cantabria ou Madrid, senón que permanezan en Galiza. “Vigo e Caixanova non poden perder o peso específico que teñen na actualidade”, engadiu.