A Xunta de Galicia abrirá ao tráfico ao longo desta tarde a calzada da autovía A Coruña-Carballo (AG-55) no PK 5+500 -dirección Coruña-, despois de estar pechada para acometer os traballos de estabilización do noiro afectado polo derrubamento acontecido a finais do pasado mes de novembro. Así, o avanzou esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, nunha visita para inspeccionar a fase final das obras de reparación dos noiros da AG-55.
O orzamento inicial para esta actuación de urxencia foi de 400.000 euros e elevouse a 980.000 euros, cifra á que hai que sumar as horas extraordinarias dos operarios que traballaron durante a festividade do Nadal.
Os traballos discorreron sen incidencias na marxe dereita do lugar do derrube, pero na zona esquerda houbo que replantexar a actuación prevista debido á presenza de zonas inestables non detectadas inicialmente.
As primeiras previsións apuntaban que sería necesario a colocación de 102 bulóns, o que supoñía 816 metros lineais deste material, informou Hernández. Esta cifra multiplicouse por tres, xa que finalmente houbo que colocar 313 bulóns, que sumaron 2.504 metros lineais.
Tamén se procedeu a colocación de 1.860 metros cadrados de malla de triplo torsión que non estaba contemplada no proxecto inicial. Por último, será necesaria a reposición de 2.500 metros cadrados de capa de rodadura, debido a que o impacto das rocas e a presenza e paso de maquinaria pesada deteriorou o firme da calzada.
- Traballos de inspección
A pesar de que a estabilización do noiro xa está rematada, nun prazo de dúas semanas será preciso realizar os traballos de auscultación e de inspección do sistema de suxeición realizado. Para elo será necesario restrinxir o tráfico no carril dereito sentido Coruña. Esta restrición iniciarase o día 8 de febreiro e será convenientemente sinalizada.
O peche ao tráfico viario está xustificado debido a que os traballos teñen que realizarse baixo estritas condicións de seguridade tanto para os condutores que circulan pola autoestrada como para os operarios.