O Centro Transfronteirizo de Dinamización Integral para as Mulleres (CEDIM) de Tui vai ofrecer un obradoiro para a xeración de proxectos de emprendemento feminino durante os días 26, 28 e 30 de novembro de 2012. A iniciativa ten carácter gratuíto para as asistentes.
Segundo informa hoxe o Concello de Tui, durante as sesións, abordaranse, entre outras cuestións, as diferentes fórmulas de autoemprego e os apoios e axudas existentes, co obxectivo de fortalecer o potencial das mulleres no desenvolvemento de proxectos empresariais rendibles.
O obradoiro está concibido como un espazo de formación dirixido a mulleres desempregadas ou interesadas na posta en marcha de iniciativas de autoemprego como posibilidade de acceso ao mercado laboral.
Trátase de presentar o autoemprego como unha opción de acceso ao mercado laboral, ao tempo que se melloran as competencias das mulleres para o emprendemento. Complementariamente, ofrecerase información das diferentes fórmulas de autoemprego, con especial atención ao cooperativismo, dando a coñecer os apoios e axudas dirixidas a este tipo de proxectos empresariais.
As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse ata o día 22 de novembro, ben de xeito presencial, no Centro de Dinamización Integral para as Mulleres de Tui, ben no teléfono 986.600.296 ou a través do correo electrónico [email protected].
CEDIM é un proxecto europeo cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional a través do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 que pretende promover redes de cooperación transfronteiriza de ámbito municipal entre Galicia e o norte de Portugal e dotar á zona da raia de mellores recursos en materia de igualdade dunha forma coordinada, para aproveitar sinerxías que poidan mellorar a situación das mulleres, especialmente no que se refire á formación e o emprego.