Fai dous días que comezou o prazo de inscrición na cuarta edición da carreira ’10 km Cidade Universitaria’ que se disputará o vindeiro 21 de marzo e xa conta con 25 inscritos. Preto de 600 corredores se prevé que participen na proba, dos que se calcula que o 90 por cento serán atletas que repiten a experiencia.
Os corredores deberán completar un circuíto de tres voltas que transcorre entre os viais interiores do campus e o acceso á cidade deportiva do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo. Este percorrido é accesible a todos os participantes, expertos ou non, posto que se trata dun circuíto sen dificultades, sen moitos desniveis e que se desenvolve nas inmediacións do campus. Esta proba, organizada polo Servizo de Deportes da Universidade, en colaboración coa Delegación da Federación Galega de Atletismo en Vigo e o Comesaña Sporting Club, formará parte do Circuíto Universitario de Carreira en Ruta das Universidades de Galicia.
A participación nesta actividade está aberta a todos os amantes do atletismo que sexan maiores de idade, sen ter a necesidade de pertencer á comunidade universitaria, nin estar federado, establecéndose un límite de 600 participantes. Os atletas que estean federados deben facer constar na súa inscrición o nome do club ao que pertencen, así como o número de licenza federativa, mentres que os membros da comunidade universitaria terán que sinalar a universidade, o campus e o centro ao que pertencen, así como a súa condición de estudantes, PDI ou PAS. A cota de inscrición para este últimos é de tres euros e de cinco para o resto dos participantes.
O prazo de inscrición desta actividade estará aberto ata o vindeiro 16 de marzo e debe formalizarse na páxina web do Servizo de Deportes da Universidade.
Categorías, premios e actividades paralelas
Júnior, promesa, sénior, veteranos A e B e universitarios. Son as categorías establecidas nesta proba, estruturadas segundo a idade e sexo dos participantes. Os premios: 1.800 euros para os tres primeiros nas categorías masculina e feminina da clasificación xeral, repartidos en 400 euros para o primeiro clasificado, 300 para o segundo e 200 para o terceiro, ademais dos trofeos para os corredores de cada unha das categorías. Pero ningún participante na proba quedará sen recoñecemento, posto que todos recibirán unha camiseta en compensación ao seu esforzo.
Por outra banda, o grupo Teatro de Cadaquén será o encargado de amenizar a xornada coa retransmisión “in-situ” da carreira a través de Radio Flato, engadindo un toque de humor ao desenvolvemento da proba.