O recinto feiral de Vigo acollerá por noveno ano consecutivo a Copa do Mundo Hípica, que se celebrará entre o 12 e o 14 de febreiro. Na presentación da Rolex FEI World Cup Jumping, o tenente de alcalde, Santi Domínguez, destacou que se trata dunha proba xa “incardinada na estrutura da cidade” que por unha banda promociona a cidade e por outra potencia o deporte de base.
Só unha cidade por país pode ser sede da Copa do Mundo. Santi Domínguez lembrou a orixe da celebración en Vigo da Copa do Mundo de Hípica, cando no 2002 unha delegación se trasladou a Goteborg “porque creíamos que Vigo non podía ser menos que outras cidades de Europa e do mundo”.
Na súa intervención, a vicepresidenta do comité organizador, Rosario Andrade, explicou que nesta edición participarán 40 xinetes, entre os que se atopan os dez máis importantes do mundo, como o francés Kevin Staut, a australiana Edwina Alexander, ou os españois Raffi Lathan e Pilar Cordón. De xeito paralelo ao espectáculo deportivo terán lugar tamén actividades como os poni games ou o Gran National de ponis.