As concelleiras de Benestar Social, María Méndez, e Normalización Lingüística, Iolanda Veloso,
presentaron as xornadas “Compartimos unha cidade. Compartamos as nosas linguas”, que se desenvolverán os días 2, 9 e 23 de febreiro e o 2 de marzo no auditorio da rúa Areal de 17 a 20 horas. As concelleiras nacionalistas salientaron que o obxectivo desta iniciativa é coñecer a realidade lingüística de Vigo e Galiza e artellar camiños para a integración das persoas inmigrantes na nosa cidade.
María Méndez explicou que as xornadas se enmarcan no programa “En galego tamén noutros mundos”, que se desenvolve dende o segundo trimestre de 2009 e ata xuño de 2010. A concelleira de Benestar Social sinalou que a integración das persoas que veñen doutros lugares é tamén o obxectivo do I Plan de Integración de Vigo. “Non se trata de impoñer a nosa cultura, senón de coñecer a deles para fomentar a integración”, salientou.
Iolanda Veloso indicou que nas xornadas “Compartimos unha cidade. Compartamos as nosas linguas” participarán persoas de distintas linguas inicias, polo que ao seu xuízo é preciso “utilizar a lingua dun xeito integrador”.
Respecto á xornada do día 2 de febreiro, a concelleira de Normalización Lingüística, indicou que estará adicada ao coñecemento da realidade lingüística de Vigo e Galiza e dun modelo integrador como é o de Burela. Participarán o profesor da Universidade de Vigo Henrique Costas e o coordinador do modelo de planificación lingüística de Burela, Bernardo Penabade. O 9 de febreiro centrarase na posta en común da realidade dos organismos e persoas que traballan no eido da inmigración e participarán docentes do CEIP A Dobrada, o presidente da asociación Galicia Acolle Antonio Cepeda, e a coordinadora técnica do Plan Comunitario de Teis, Genoveva Cordeiro.
O 23 de febreiro adicarase á experiencia das persoas inmigrantes en Galiza, polo que participarán a mediadora intercultural na oficina de inmigración, Marcela Dambrosia, a vicepresidenta da asociación Abriga, Marlene Ventín, o membro de Aida, Pepin Tshisamb Diur Kaj, e o receptor directo do modelo Burela, Long Long You Zu. Finamente, o 2 de marzo poñeranse enriba da mesa os distintos vieiros de actuación para acadar a integración, de xeito que a mesa redonda contará coa representante das asociacións de inmigrantes no Consello Social da Lingua do Concello de Vigo, Susana Forero, o técnico de Inmigración da CIG en Vigo Anxo Igrexas, a técnica de normalización lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras e responsables do programa de integración de inmigrantes do Concello de Vilaboa.
As concelleiras nacionalistas salientaron a boa acollida que están a ter os cursos de formador de formadores que organiza o Concello de Vigo para formar persoas que poidan dar clase de galego aos inmigrantes. Ao respecto sinalaron que no mes de xaneiro 23 persoas participaron no curso e en febreiro.