Os programas re-Imaxina e re-Emprende xestionados polo Igape, apoiaron durante a lexislatura que vén de rematar máis de 900 proxectos de investimento empresarial promovidos por microempresas, enprendedores ou pemes que apostan pola modernización e mellora da súa competitividade. A través destes proxectos aprobados nos últimos anos, o Instituto Galego de Promoción Económica concedeu 5,6 millóns de euros en axudas destinadas a apoiar investimentos cifrados en preto de 40 millóns de euros.
Ao abeiro do re-Emprende 2012, que vén de pechar o prazo para a presentación de solicitudes, o Igape recibiu máis dun centenar de proxectos de investimento impulsados por emprendedores ou autónomos. Este programa, dotado este ano con 2 millóns de euros, está deseñado para apoiar a posta en marcha de proxectos de nova creación ou a súa consolidación, durante os primeiros anos de funcionamento, de empresas promovidas en Galicia por emprendedores ou autónomos, que presentaron o 38% dos proxectos nesta convocatoria.
O obxectivo do re-Emprende é favorecer a actividade empresarial e a creación de emprego apoiando a posta en marcha de proxectos innovadores impulsados por emprendedores e, como novidade este ano, por autónomos con actitude emprendedora. Poden optar a estas axudas proxectos con investimentos comprendidos desde 35.000 ata 500.000 euros.
As axudas concedidas dentro deste programa parten dun mínimo do 15% do investimento apoiable e poden chegar ata o 50%, no caso das pequenas empresas. Ademais,persegue, de xeiro preferente,a dinamización empresarial dos territorios amparados por plans especiais como son os Impulsa Lugo, Impulsa Ourense, Plan Ferrol, Eume e Ortegal e Plan Revive Costa da Morte.