Comarcas

A Deputación destinará máis de 145.000€ á nova ponte de Ribadas en Celeiro

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Ponteareas, Salvador González, asinaron o convenio hoxe

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o alcalde de Ponteareas, Salvador González, asinaron este domingo un convenio de colaboración que posibilitará a construción dunha nova Ponte de Ribadas na parroquia de Celeiros.

Segundo informa o organismo provincial a través de comunicado de prensa, o importe desta actuación que ascende a un total de 145.667,43€ e serán  financiados integramente pola Deputación.

O texto do documento asinado recolle que á Deputación Provincial de Pontevedra corresponderalle a licitación, dirección, execución e recepción das obras, mentres que ao  Concello de Ponteareas obrígase a poñer a disposición da Deputación os terreos necesarios, obter a correspondentes licenzas municipais e tramitar as autorizacións que foran precisas e levar a cabo o mantemento da infraestrutura trala súa recepción.

Tanto Concello coma a Deputación proxectan construír unha nova ponte con luz entre apoios de 12,50 metros, ancho de taboleiro de 9 metros e altura libre sobre o couce de 2,90 metros. O ancho de carrís de circulación será de 3 metros con arcéns de 0,50 metros. Contará, asemade, con beirarrúas de 1 metro de ancho, parcialmente en voladizo, e pretiles en ambos lados do taboleiro.

O taboleiro estará composto por vigas prefabricadas e capa de compresión de formigón armado. As cimentacións e os estribos de apoio tamén serán de formigón armado ou prefabricado.

Estado actual

A Ponte de Ribadas está situada na estrada municipal que une as parroquias de Celeiros (Ponteareas) e Vilacoba (Salvaterra de Miño). Actualmente, ten unha lonxitude de 12,50 metros e un ancho de 5 metros e unha altura libre sobre o couce de 2 metros, dous estribos laterais e un apoio central de formigón armado.

A infraestrutura presenta unha serie de danos estruturais irreversibles que impiden a súa utilización de xeito seguro, sendo preciso a súa demolición para construír unha ponte nova.

Tras a firma do convenio, Louzán considerou que é apremiante a súa realización dado que o seu uso continuo pode acarrear un perigro de derrumbamento co conseguinte risco así coma a interrupción da actividade social, económica e a degradación ambiental que isto suporía.

También te puede interesar