Na concentración que este luns tivo lugar en Vigo como protesta contra o desmantelamento de Novagalicia Banco, a deputada do BNG, Carme Adán, reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que actúe para acadar o mantemento do sistema financeiro galego.
“O peor escenario desta novela negra, como é a liquidación ou venda de NCG, vén de ser confirmado”, asegurou Adán, quen alertou de que Galiza perderá unha caixa produto do aforro dos galegos e galegas “co beneplácito do PP”.
Na mesma línea mostróuse a portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, quen explicou que os nacionalistas “reclamamos a Feijóo que actúe e non regale os aforros dos galegos e galgas a prezo de saldo”.
Segundo indicou Fernández Davila “o final de NGB amosa o fiasco da política económica de Feijóo e do PP para Galiza”.
A protesta tamén serviu para respaldar aos afectados das participación preferentes. Nese senso, Adán destacou que o PP debe escoitar aos afectados “tamén agora, e non só en campaña”.
Adan recordou que o BNG ten rexistradas diversas iniciativas sobre o sistema financeiro galego, “na liña de que a caixa se converta nunha entidade pública e os afectados e afectadas polas preferentes recuperen seus cartos”.