A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) vén de gañar un premio, o Miguel Hernández, que recoñece o labor que desenvolve o servizo de formación que ten e que traballa para a eliminación de desigualdades na educación, suprimindo as discriminacións.
COGAMI, dende o ano 1999 realiza diferentes accións formativas coas que intenta preparar ao colectivo que reprensenta. O organismo desenvolve tanto cursos de formación básica a persoas adultas, como de formación profesional e tamén de accións formativas dirixidas a persoas desempregadas, todas elas gratuítas para as persoas que participan deles e que se subvencionan tanto a través de entes públicos, como privados e/ou a propia Confederación.
Segundo lembra COGAMI, ao longo do tempo, o sistema educativo ordinario evolucionou favorablemente na atención da diversidade pero aínda lle queda camiño por percorrer e que agora se fai máis visible cos efectos da crise económica e dos recortes. Fáltalle recoñecer que dentro da diversidade hai máis diversidade e que aínda non se chegou ao estatus de acadar unha verdadeira escola inclusiva.
Un dos problemas do colectivo das persoas con discapacidade, plasmados nas propias enquisas de Discapacidad, Autonomía Personal y situación de Dependencia del año 2008 é que o colectivo das persoas con discapacidade se aprecian unha porcentaxe máis alta de persoas sen rematar os estudos primarios dentro da discapacidade e unha porcentaxe baixa de persoas con estudos universitarios.
COGAMI, consciente disto e do necesario que é para o noso colectivo o estar formado para inserirse no mercado laboral, imparte dende que se creou o servizo de formación cursos formativos en toda a comunidade e que hoxe recibe un recoñecemento por parte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
O premio consiste nunha cantidade económica dun total de 16.520€ que servirán para seguir investindo na formación do noso colectivo de persoas con discapacidade.
Pero ademais do premio económico, obter un premio Miguel Hernández supón un recoñecemento e prestixio a nivel internacional xa que a primeira candidatura opta a participar nos premios internacionais de alfabetización da UNESCO.