Caídas de árbores, estradas cortadas, inundacións ou desprendimentos por mor do temporal

O 112 levaba xestionadas un total de 206 incidencias entre esta medianoite e as 9 da mañán hoxe relacionadas co temporal de vento, choiva que está a afectar a Galicia. En total, o Servizo de Emerxencias recibiu máis de 1.300 chamadas, en especial entre as 12 e a 1 da mañá e as 6 e as 8.

A metade das incidencias (103) tivo relación coa caída de árbores e pólas, rexistrándose tamén outras relativas a auga nas estradas (18), desprendementos de terra e pedras (16) ou caída de carteis (12). Tamén se rexistraron, en menor medida, incidencias relativas a anegamentos en rúas e garaxes, problemas con postes de luz, incidencias no material eléctrico, derrubamentos e fochancas.

As acción máis destacadas foron o rescate de dúas persoas do interior dun vehículo totalmente anegado na estrada que vai de Lamego (Rois) a Pazos (Padrón); en Tomiño caeu alumeado público enriba de varios vehículos; en Betanzos a medra do río Mandeo fixo cortar ao tránsito o paseo marítimo; en Ponteareas a medra do río Tea provocou desbordamentos; entre Marín e Pontevedra interrompeuse a circulación na PO-11 pola subida da marea; e en Vilagarcía tívose constancia dunha embarcación que se soltou do seu amarre.

Situación das estradas

Na rede autonómica existen incidencias de relevancia en tres vías: na AC-441 entre Pereira e Berdoias, está cortado o carril de baixada á altura do quilómetro 18 por un desprendemento. O tráfico mantense usando cos carrís de subida. ; na PO-531, entre Pontevedra e Baión, o río desbordou inundando a estrada no quilómetro 4,2. Están cortados os dous carrís da marxe esquerda e o tráfico realízase polos dous da marxe dereita. Tamén en Pontevedra, na PO-841 entre Pontevea e A Estrada, á altura do 18,4 quilómetros, unha árbore caeu ocupando parte dun carril e trabállase para retiralo.

No resto de estradas non hai incidencias de relevancia e durante a noite atendéronse diversas incidencias xa resoltas en distintos puntos, relativas á retirada de pólas e árbores caídos, recolocación de balizas e retirada de contedores.

Educación

Pola súa banda, a Consellería de Educación informou que a maioría dos colexios abriu con normalidade, salvo o retraso na chegada dalgún autobús escolar. A consellería comunicou onte a súa rede de centros a suspensión de actividades no exterior das instalacións educativas, por mor do temporal de chuvias e ventos que está afectando a Galicia desde a pasada medianoite.

Alerta laranxa

O temporal de nivel laranxa está a afectar, dende a pasada medianoite, a toda a Galicia. Segundo as previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun temporal de nivel laranxa por choivas e vento con refachos de vento que poderán superar os 110 quilómetros por hora, con fortes precipitacións e fenómenos costeiros en todo o litoral galego.

O 112 tamén lembra á poboación a importancia de seguir as medidas de protección pertinentes, como poden ser evitar aproximarse a diques ou rompentes, pasar por debaixo de edificios en obra ou en estado ruinoso, retirar obxectos susceptibles de desprenderse das fachadas ou eludir, na medida das posibilidades, os desprazamentos innecesarios. Por último, aconséllase consultar a páxina web www.112galicia.org, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

 

También te puede interesar