O 061 asistiu, dende as 3 da tarde do venres 28 de decembro ata o martes 1 de xaneiro, un total de 131 persoas debido a 89 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. A Central de Coordinación do 061,recibiu nestes días 112 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 89 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 131 persoas.
A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 59 e 41%, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 40 % dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos. Por provincias foi A Coruña a que rexistrou máis accidentes con 37 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 109. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a cinco sinistros,o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 91 accidentes, as ambulancias concertadas trasladaron en tres ocasións e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 9 sinistros.
En 106 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 11 persoas foron trasladadas a un centro de Atención Primaria, outros 10 feridos foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e catro persoas faleceron no lugar do sinistro.