Vigo al minuto

Novagalicia Banco pecha “indefinidamente” a súa oficina principal de Moaña

Afectados polas Preferentes protestando nunha oficina de NGB en Vigo

Novagalicia decidiu pechar, a partir de mañá e con carácter indefinido, a súa oficina principal de Moaña ante a imposibilidade de garantir a prestación do servizo e a seguridade dos seus clientes e empregados. Así o indica nun comunicado enviado aos medios no que salienta que “a decisión tomouse á vista da escalada de protestas habidas na oficina, incluídas ameazas e coaccións por parte dalgúns dos clientes titulares de produtos híbridos”.

Novagalicia Banco, continúa a nota, “entende as razóns de quen protesta e, por iso, foi a primeira entidade en abrir a vía do arbitraxe, totalmente gratuíta e rápida para os reclamantes”. Segundo as súas contas, neste proceso extraxudicial iniciouse o 20 de xullo de 2012 e, desde entón devolvéronse 210 millóns de euros aos casos máis claros de mala comercialización e “estase procedendo a unha segunda revisión das reclamacións menos claras”. Dado o carácter esencialmente voluntario do arbitraxe, Novagalicia reitera que, “en defensa da súa continuidade, rexeitará todas as solicitudes que pretendan a súa resolución mediante ameazas ou coaccións aos seus clientes ou empregados”.

Ademais, a entidade subliña que debe garantir o dereito dos seus traballadores a traballar sen coaccións e o dereito de todos os seus clientes a recibir un servizo nas condicións adecuadas e “lamenta os inconvenientes que esta medida terá para os clientes da oficina principal de Moaña”.

 

También te puede interesar