A federación do Metal da CIG de Vigo anunciou hoxe que iniciará unha serie de mobilizacións para rexeitar o despedimento de dous afiliados da central por parte da empresa da automoción PGA Antolín do Porriño. Dende o sindicato nacionalista enmarcan a decisión na campaña de represión sindical iniciada pola dirección unha vez asinado o convenio colectivo tras un ano de negociacións.
Segundo indican dende CIG-Metal, os despedimentos comezaron tras a firma do acordo laboral e parece ser que aínda non remataron, “xa que a empresa ameazou con máis rescisións de contrato”.
A razón que esgrime a compañía son causas obxectivas por supostas necesidades organizativas, aínda que para os representantes sindicais non hai dúbida de que se trata de despedimentos que perseguen reprimir a actividade sindical.
Diante disto, anuncian a convocatoria de mobilizacións diante da fábrica de PGA Antolín do Porriño, pertencente ao Grupo Antolín, empresa auxiliar do automóbil con sede no polígono vigués de Valadares.
Con anterioridade, no ano 2011, tamén se levaron a cabo protestas ante a decisión da compañía de despedir cinco persoas, tres das cales eran afiliad@s da CIG.