É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másMáis de 300 remeiros participarán na Regata Miño Internacional deste domingo
Tui quenta motores xa que este domingo dispútase en augas do río Miño a Regata Miño Internacional–IX Copa Presidente da Deputación de Pontevedra. Está organizada polo Club Remo do Miño coa colaboración do Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra.
O campo de regatas terá unha distancia de 6 quilómetros entre Amorín e Tui, fronte ao Centro Interfederado. Será nas categorías de Catro Absoluto tanto feminino como masculino e en Oito con temoneiro absoluto masculino. As saídas das mangas serán a partir das 12:00 horas do mediodía cada quince minutos. A entrega de premios realizarase ás 13:30 horas nas instalacións do Club Remo do Miño.
A edición deste ano foi presentada esta mañá na Casa do Concello de Tui polos membros do Club Remo do Miño acompañados polo alcalde, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deporte, Nicolás Lorenzo, e o concelleiro José Ángel Villaverde.
Durante as intervencións, Alejandro Carrera, secretario do Remo do Miño, explicou que o deporte do remo é moi gravoso tanto polos desprazamentos aos campos de regata como polo custoso do material que se emprega.
Mentres José Manuel Corgo, tamén do Remo do Miño, daba conta do pormenores deportivos da regata indicando que van participar máis de 300 remeiros pertencentes a 17 clubs, dos que 10 son portugueses e 7 españois.
O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, amosou o apoio de Concello para que esta regata siga crecendo, ganando prestixio e participación, e loitando para que o ano próximo esta regata poida ser Campionato de España. Deu conta tamén da nova etapa de relacións que se inicia entre a concellería de Deportes e o Club Remo do Miño, grazas ao entendemento logrado entre as dúas partes. Lembrou amais a aposta decidida do concello polos deportes do río.
Por último Rodríguez destacou a importancia de que se siga facendo deporte pese a crise. Aludiu tamén a repercusión que o deporte ten no turismo, e desexou que esta regata sexa un éxito.
Esta regata Miño Internacional dará o pistoletazo de saída á temporada de remo. Celébrase de xeito previo ao campionato de España de Fondo que terá lugar o día 26 deste mes.