Vigo al minuto

A CIG alerta de que o Concello reduce persoal no Marco, Quiñones de León e Verbum

A federación de Servizos da CIG acusa o Concello de Vigo de liderar a destrución de emprego nas subcontratas tras reducir nun 20% o custe das mesmas e nun 25% os fondos destinados aos entes dependentes da institución municipal. Neste senso, critican que a edil de Cultura, Isaura Abelairas, vén de confirmar que o Goberno local non aportará diñeiro para manter o servizo de seguridade privada do museo Marco ao consideralo “un luxo e un gasto innecesario”.

O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, puxo como exemplo da falta de sensibilidade do Concello en materia laboral o que está a suceder no museo Marco. Pérez lembrou que a falta de financiamento público vai provocar o despedimento dos cinco gardas de seguridade, “quedando o centro sen este servizo, de igual xeito que sucede no Quiñones de León e no Verbum”.

Ao mesmo tempo, censura que dende o mes de xuño a Casa das Artes, a Casa Galega da Cultura e a Fundación Laxeiro visen reducido ao 50% o persoal de seguridade polo mesmo motivo. “Agora a edil de Cultura, Isaura Abelairas, vén de confirmar que o Concello non vai aportar fondos para manter a seguridade no Marco porque o consideran un luxo e un gasto innecesario”, sostén.

Na súa opinión, esta falta de sensibilidade dos responsábeis locais está a provocar a destrución de numerosos postos de traballo que dependen da institución municipal e insta o Goberno local a seguir os pasos da Consellería de Cultura, “que adquiriu o compromiso de abonar a súa achega ao museo do ano 2012 e a mantela en 2013”.

Ademais, reclámalle a mesma sensibilidade á Deputación de Pontevedra,que aínda non respondeu á solicitude da CIG de manter unha xuntanza para abordar a problemática laboral”. Finalmente, lamenta que o enfrontamento partidista entre a Deputación (PP) e o Concello de Vigo (PSOE), estea a afogar economicamente o Marco,botando abaixo unha parte importante do traballo cultural realizado na cidade e converténdoo noutro edificio sen contido nin sentido, ademais de destruír patrimonio municipal e emprego”.

 

También te puede interesar