Queremos Galego, ven de facer un chamamento a todos os galegos para que acudan este domingo, día 27, a Compostela á manifestación que, convocada baixo o lema ‘Pola lingua que nos une’, sairá ás 12 dende Alameda para rematar na Praza da Quintana.
A mesma ten coma obxectivo esixir a derrogación do Decreto 79/2010 contra o galego e a a retirada do rascuño da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), popularmente coñecida como ‘Lei da Wertgoña’, pola “involución que representa en canto ao uso das linguas diferentes ao castelán, nomeadamente a galega”.
Queremos Galego lembra que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia determinou en varias sentenzas que os principais piares sobre os que se asenta o chamado “decreto do plurilingüismo” son ilegais. Ademais, “indicoulle tamén ao Goberno galego que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país de acordo co estipulado pola Lei de normalización lingüística”.
A xuizo desta asociación, “este decretazo contra o galego debe ser derrogado de forma inmediata e o Goberno galego debe promulgar unha nova norma que se basee no acordado por unanimidade parlamentar no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”, de tal xeito que garanta a educación en galego na educación infantil para todas as nenas e todos os nenos galegofalantes e “poña especial atendemento didáctico na incorporación a este idioma por parte do alumnado residente en contextos familiares e ambientais castelanófonos, fixando, como mínimo, o 50% do horario semanal en galego nesta etapa educativa para os contextos e contornos en que a lingua predominante sexa o castelán, coa intención de que esta porcentaxe se vaia incrementando progresivamente”.
Que garanta, ademáis, que o alumnado reciba un mínimo do 50% da súa docencia en galego en primaria, ESO, bacharelato e ciclos formativos, que “o galego non estea prohibido en ningunha materia e que todas e todos os estudantes finalicen cada etapa educativa con suficientes destrezas comunicativas en galego”. E, por último, que desenvolva un plan de formación para que todo o persoal dos centros educaticos de Galicia teña unha competencia oral e escrita suficiente para comunicarse e para desenvolver a súa actividade profesional en galego.
As persoas que queiran acudir á manifestación, que ven de ser secundada por asociacións e entidades cidadás, colectivos culturais e sociais e centrais sindicais, teñen ao seu dispor autobuses para chegar a Compostela, cuns horarios que poden consultar premento aquí, e quenes no podan asistir á mesma poden asinar o manifesto entrando aquí.