O taekwondo galego referendou onte en Alacante a súa hexemonía nacional ao revalidar o título de campión de España logo de establecer unha marca histórica de medallas.
Os vencedores chegaron pola mañá ao aeroporto de Lavacolla, onde acudiu a recibir á expedición José Ramón Lete, secretario xeral do Deporte, quen mostrou o seu orgullo polo traballo que vén realizando o taekwondo “por ser un exemplo para o resto de comunidades”.
O equipo galego gañou en Alacante 19 medallas (catro de ouro, outras tantas de prata e once de bronce) a pesar de que acudiu ao Campionato de España con varias baixas importantes por culpas de lesións.
“Actualmente Galicia é a referencia en España dunha disciplina que sempre logra grandes resultados en todas as citas internacionais”, explicou o secretario xeral para o Deporte que fixo fincapé en que “o importante non é soamente os grandes resultados que se están conseguindo actualmente senón que o futuro está garantido polo traballo que se está facendo coa canteira”.