Mitigar o impacto de parasitos presentes en produtos da pesca europeos e de importación a través de novas solucións tecnolóxicas e ferramentas de xestión é o obxectivo xeral do proxecto PARASITE, unha iniciativa na que está a participar o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) e que está financiada polo sétimo Programa Marco de I+D da Unión Europea.
Ase o informan dende o CETMAR que sinalan que durante os vindeiros tres anos, a súa Fundación traballará neste proxecto liderado polo doutor Santiago Pascual, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, formando parte dun consorcio multidisciplinar integrado por outras once institucións de investigación europeas e tres asiáticas, así como por seis pemes europeas.
Os principais resultados de PARASITE materializaranse en avances cara a mellora da seguridade alimentaria, cos conseguintes beneficios para a saúde pública e a confianza do consumidor, no fortalecemento da competitividade dos produtos europeos da pesca dende o barco ao prato e na potencial repercusión que isto terá na mellora das políticas europeas de seguridade alimentaria.
A reunión inicial do proxecto terá lugar os vindeiros 7 e 8 de febreiro na sede do CETMAR, onde se darán cita representantes de todas as institucións que forman parte do consorcio. A apertura oficial da reunión celebrarase na sede do Instituto de Investigacións Mariñas da institución coordinadora.