Teatro do Morcego presenta a súa nova proposta, titulada ‘Kvetch: o rosmón’, o próximo venres, día 18 de setembro, ás 20.30 horas, no Teatro-Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova de Vigo.
A compañía, que leva vinte anos triunfando nos escenarios galegos, participou en numerosos festivais nacionais e internacionais, nos que acadou un gran recoñecemento que se reflicte nos premios que se lle outorgaron (Compostela ao mellor actor por ‘Misterio cómico’ e Premio María Casares por ‘O Lazariño de Tormes’, entre outros).
Nesta ocasión, representará a obra ‘Kvetch: o rosmón’, unha comedia americana sobre a ansiedade. Un espectáculo xubiloso, devastador e feroz dos seus medos e estrés diarios. Imaxine por un intre que vostede puidese expresar en alto todo aquilo que pensa polo baixo, sen ser oído polos que o rodean. Imaxine a cantidade de sesións de diván na consulta do psicoanalista que aforraría…