Máis de 180 pezas de entre os anos 40 e o 2001. Son as que compoñen a mostra ‘Xoias da Colección Álvarez: Esplendor cerámico de Vigo’, que poderá visitarse do 18 de febreiro ata o 18 de abril na Casa das Artes e coa que se pretende recuperar o patrimonio industrial e artístico da cidade, un dos máis importantes de Europa.
As pezas, que pertencen á colección do Museo da Fábrica, propiedade do Concello de Vigo, son unha primeira selección das 600 que integran toda a colección e que nos últimos meses foi inventariado pola propia comisaria da mostra, Beatriz Liz. Unha vez que as pezas saian da Casa das Artes irán ao Museo da Cidade e, unha pequena parte, exporáse no Museo Quiñones de León trala apertura da pinacoteca, xa que contará cunha sección específica para o patrimonio industrial.
Moisés Álvarez, fundador do grupo de cerámica, impulsou a construción dos primeiros fornos de porcelana da empresa no barrio de Casablanca, nos terreos nos que actualmente está instalado El Corte Inglés e foi pioneiro na posta en marcha de políticas de conciliación, facilitando a contratación de mulleres e subvencionando a asistencia dos seus fillos ás garderías. A empresa en 1972 xa tiña 9 fábricas e 5.000 traballadores por todo o país.