Á terceira foi a vencida. O Club Vigo Voleibol regresou hoxe aos adestramentos tras voltar de Castellón coa Copa Príncipe de Asturias na man na súa terceira final ao vencer por tres sets a un ao vixente campeón, o Club Voleibol Almoradí. Para felicitalos, o secretario xeral para o Deporte visitou hoxe ao equipo, que conseguiu a máis de mil quilómetros de casa o primeiro título oficial da súa historia. Un título que demostra o gran momento que está a atravesar o deporte galego.
O conxunto vigués, que agora afronta a fase definitiva na loita polo ascenso, conseguiu o domingo en Castellón a Copa a costa do Almoradí, que defendía o título obtido o ano pasado. O secretario xeral para o Deporte estivo dialogando durante varios minutos cos compoñentes do corpo técnico e do plantel do club olívico.