Os sindicatos CIG, CCOO e UGT, presentes na mesa de negociación do convenio do comercio de alimentación, presentaron hoxe formalmente na Delegación da Xunta en Vigo a convocatoria de folga no sector na provincia de Pontevedra para os días 25, 26, 27, 28 e 30 de marzo, coincidindo coa Semana Santa, ante os “intentos da patronal de precarizar as condicións de traballo”.
As centrais denuncian que as grandes empresas negáronse a retirar as súas propostas na última xuntanza para renovar un acordo laboral que afecta a máis de 15.000 persoas “co obxectivo de que decaia e deste xeito ir ao Estatuto dos Traballadores, que é un 40% máis baixo”.
Os sindicatos salientaron que “a mobilización responde a un ataque directo os dereitos dos traballadores xa que, entre outras cousas, os cambios que pretende introducir a patronal no novo convenio pasan por eliminar a promoción interna e modificar as categorías profesionais; eliminar tamén as limitacións na contratación e un día de vacacións”.
Ao mesmo tempo, inicaron os representantes sindicais, propoñen instaurar a xornada de luns a domingo, cambiar as horas extra por tempo de descanso e que os catro días de asuntos propios pasen a ser recuperábeis. Finalmente, “pretenden cambiar as compensacións por mobilidade xeográfica e eliminar complementos como nocturnidade ou antigüidade”.
Segundo os tres sindicatos, estas medidas supoñen unha importante perda de poder adquisitivo, xa que a proposta da patronal pasa ademais por non incrementar os salarios.