A Aula UNED de Tui impartirá por primeira vez un curso de iniciación ao alemán, que ten como obxectivo que o alumno desenvolva competencias e habilidades básicas na devandita lingua.
O curso dará comezo este venres e prolongarase ata o vindeiro 28 de xuño, cun total de 30 horas lectivas. O prezo de matrícula é de 50€.
Desenvolver competencias e habilidades que permitan ao alumno comprender e utilizar expresións sinxelas e cotiás e desenvolverse en situacións básicas do día a día é o obxectivo do curso, dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aprender alemán e que non posúan coñecementos previos na devandita lingua.
A importancia do coñecemento dun idioma estranxeiro unido ás posibilidades laborais do mercado xermano, dispararon a demanda do alemán nos últimos meses. Con este curso, preténdese que o alumno teña un dominio básico da lingua, tanto a nivel escrito como oral a través dunha metodoloxía principalmente comunicativa que pretende un coñecemento funcional e útil do idioma.
O curso desenvolverase presencialmente todos os venres de 18:30h a 20:30h nas instalacións da Aula UNED de Tui, situada na rúa Antero Rubín (antigo Convento de San Domingos).
As persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula a través da páxina web da UNED-Pontevedra ou dirixíndose ao edificio da Aula UNED de Tui. O horario de atención ao público é de luns a venres (excepto os martes) de 16:00 a 20:00 horas.