Pasar un verán lonxe de casa aprendendo a falar ‘raro’ está nas túas mans. A Consellería de Educación acaba de convocar 3.077 axudas para alumnos de centros educativos sostidos con fondos públicos para realizar actividades de inmersión lingüística desde a última semana do mes de xuño ata finais de agosto de 2010.
A Consellería corre cos gastos da viaxe desde o punto de saída dos distintos grupos, coa excepción de 6º de educación primaria; co soldo dos monitores que acompañarán o alumnado durante todo o verán; cos gastos de docencia e o material escolar; coas actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos; cos gastos de mantenza e aloxamento; co certificado de realización da actividade e co seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
Quén pode pedir esta bolsa?
Un dos requisitos é estar cursando 6º de Educación Primaria, calquera curso de ESO ou Bacharelato en centros sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de réxime xeral durante o curso 2009-2010 en Galicia e non ser beneficiario dunha axuda para actividades de inmersión lingüística nos dous anos anteriores.
Se queres marchar tes que ser aplicado e aprobar todas as materias do curso 2008-2009 cun mínimo de ben ou de 6, segundo o curso, na lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía e non ter concedida neste curso académico outra axuda coa mesma finalidade.
Como pedilo
Os que queiran optar á axuda deberán completar o formulario electrónico de solicitude on-line en función do curso en que estean matriculados. Unha vez cubertos estes formularios, rexistrarase a solicitude, imprimirase e será asinada polo solicitante e polo director do centro educativo onde cursa estudos o alumno. Posteriormente, e sempre antes de que remate o prazo, presentarán esa mesma solicitude e os anexos impresos, debidamente asinados, así como a documentación complementaria necesaria, na oficina de rexistro único e información ou ben por calquera dos procedementos establecidos. Se a solicitude se remite por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación postal.
O prazo de presentación de solicitudes será ata o 11 de marzo e nos criterios de selección valorarase a nota media do expediente académico do ano anterior. As listas definitivas, na web da Xunta, con seleccionados e suplentes, así como destinos e datas das estadías. Tes máis información no DOG do 11 de febreiro.