Dende este luns ao sábado 6 de abril vaise celebrar no Teatro Municipal de Tui a V Semana do Teatro Afeccionado. Esta actividade, organizada pola Concellería de Cultura, é aposta polos grupos teatrais que hai na cidade. A súa celebración coincide coas festas patronais de San Telmo.
Segundo fontes do Concello de Tui, a V Semana do Afeccionado reflicte o traballo que alongo do ano se realiza nas distintas casas culturais. Coma novidade este ano haberá á venda 150 abonos para as seis representación ao prezo de 5€, mentres que a entrada diaria para cada función custará 1,50€ e poranse á venda hora e media antes do comezo do espectáculo.
A programación ábrese o próximo luns, 1 de abril, ás 20:15 horas coa obra de teatro infantil Un día de espías que representará Garabullada Teatro da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe. Os actores teñen entre 9 a 15 anos e van estrear esta obra o luns no Teatro Municipal.
O martes, 2 de abril, ás 21:15 hora será a quenda do grupo de teatro San Fins de Rebordáns coa representación de Ratibrom. Sobre o escenario estarán oito persoas para dar vida a esta comedia que transcorre nun hotel de luxo.
O mércores, 3 de abril, ás 21:15 horas o grupo de teatro Atalaia do Centro Sociocomunitario de Tui estreará Cianuro so ou con leite. Carmen Álvarez Melo, unha das actrices, daba conta de que esta obra, que transcorre nun velorio ten toda unha trama de ambición á que dan vida 11 persoas.
O xoves, 4 de abril, ás 21:15 horas, a obra que se representará será O Ciridonio, por parte do grupo de teatro Caldemiños da Asociación Cultural A Insua de Caldelas. O protagonista é un taberneiro moi fachendoso e sobre o escenario estarán oito actores.
Mentres o venres, 5 de abril, ás 21:15 horas, Aloia Teatro da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis representará A vinganza da Petra. Trátase dunha obra moi divertida protagonizada por un matrimonio Petra e Manolo. Os actores teñen entre 21 e 18 anos.
E pechando esta V Semana de Teatro Afeccionado o sábado, 6 de abril, ás 20:15h o grupo Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe levará a escena O enfermo imaxinario de Moliere. Algúns dos once actores que a representan nesta ocasión xa o fixeron hai 23 anos.