Ninguén quixo perderse a festa en Tui. Miles de persoas ateigaron as rúas polas que transcorreu o Concurso-Desfile de Entroido, da que a comparsa tudense ‘Cantos somos’ foi a gañadora absoluta da tarde co seu ‘Asistiranos este santo?’.
Unha representación na que se mesturaba a sátira política local, coa fusión das caixas galegos e o Xacobeo inspirou a esta veterana comparsas tudense na súa representación na que levaban peregrinos de toda índole e idade, acompañados dunha representación dunha parte da Catedral co bispo, o botafumeiro e o ‘Santo’, neste caso particular e un pouco irreverente.
O segundo premio foi para Borraliño de Soutelo cunha magnífica representación medieval na que non faltou o castelo, a corte e as loitas; e o terceiro correspondeu a ‘A piratería Somalí’ da Asociación ‘O Mosteiro’ de Pexegueiro, cunha parodia dos ataques piratas.
Outras categorías
Na categoría de carrozas o castelo de Borraliño de Soutelo, con almenas abatibles para poder pasar por baixo do alumeado, levouse o primeiro punto. O premio estivo moi reñido quedando segundo a carroza dun avión de guerra do grupo de Rebordáns ‘Polo puto aire’ cunha magnífica recreación da que incluso se tiraron tres paracaidistas. O terceiro premio correspondeu ao barco de pesca da Piratería Somalí.
En acompañamento musical o primeiro premio foi para ‘Cantos Somos’ de Tui, o segundo correspondeu a ‘Piratería Somalí’ e o terceiro correspondeu á ‘Festa medieval’ da Asociación Cultural ‘A Insua’ de Caldelas.
Este ano creouse amais o premio de ‘Parodia’ buscando recuperar o espírito do Entroido tudense. Nesta categoría o primeiro premio foi os paracaidistas de ‘Polo puto aire’ de Rebordáns, o segundo correspondeu a ‘O Borralliño de Soutelo’ pola súa representación medieval, e o terceiro para foi para ‘Cantos Somos’.
O accésit de 100 euros foi parar a ‘Os Macanudos’ de Gondomar, a ‘Luces’ de Tomiño, a ‘Homenaxe a Michael Jackson’ da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro e á Revolución Show de Tomiño.
A próxima cita será o domingo no Enterro do Bacallau.