A Consellería de Educación seguirá coa tramitación do ‘decreto de comedores’ a pesar de que o Consello Escolar de Galicia rexeitou na súa reunión deste mércores o texto e acordou a súa devolución á Xunta para a súa modificación.
Nun comunicado, o departamento dirixido por Jesús Vázquez manifestou que varios membros deste órgano “rexeitaron o texto na súa totalidade”, contrariamente ao carácter propio dun órgano consultivo. Así mesmo amosa a súa “sorpresa polo cambio de opinión dalgún sindicato”, e acusou a FETE-UGT de manifestar, nunha reunión en xuño de 2006 sobre o vixente decreto, que as familias con poder adquisitivo pagarán cota, “mentres que na actual situación formulan a oposición a un decreto que se basea na capacidade económica dos usuarios”, sinala.
O texto será sometido a información pública e “incorporará as achegas realistas e posibilistas”, e aínda faltan por coñecerse os informes sectoriais da Dirección xeral de Orzamentos, da Secretaría xeral de Igualdade, e ser sometido ao Consello Consultivo.
Outras novas relacionadas: As familias cunha renda familiar de 1.001 € ao mes terán que pagar o comedor nos colexios públicos. AGE esixe a demisión do concelleiro de Educación polo ‘repagamento’ dos comedores escolares e a sentenza da segregación.