A Plataforma de afectados pola compra de Preferentes de Vigo-Val Miñor, ven de convocar unha manifestación en Vigo, este sábado, día 20 (11 h. no cruce de Aragón con Jenaro de la Fuente), contra as ‘quitas’ aos aforradores aprobadas polo Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) e ratificadas polo Congreso dos Deputados.
Na devandita manifestación estarán presentes todas as plataformas de afectados de Galicia, que representan a máis de 47.000 aforradores que teñen ‘atrapados’, en diferentes entidades, máis de 1.000 millóns de euros.
Os organizadores fan un chamamento a toda a cidadanía a apoiar esta mobilización, sublimando que “non é un acto político centrado en gañar ou facer perder votos”, senon unha protesta contra a “estafa máis grande da historia de España”, algo que, indican, xa foi recoñecido por todo o mundo, “dende o empregado do banco que nos vendeu estos productos, hasta o presidente do Goberno, pasando pola Fiscalía, a Xunta, os partidos políticos, concellos, mesmo a Xustiza”.
Os afectados esixirán que “devolvan os seus aforros ao pobo galego” e o farán“nun acto conxunto, e dende o ámbito social, pedindo que se faga xustiza”. Os organizadores salientan que son todos os cidadáns os implicados xa que todos“estamos sufrindo quitas nos nosos dereitos, nos nosos salarios, nas nosas pensións, na educación e na sanidade”, polo cal chaman a entidades, asociacións, colectivos, veciños, sindicatos e partidos políticos a participar nesta manifestación, “con respeto e ausencia total de violencia”.