O voceiro parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) xustificou o seu xesto diante do presidente da Xunta, no Pleno do Parlamento de Galicia do pasado mércores afirmando que “foi un xesto de transgresión”.
Xosé Manuel Beiras indicou que “xestos como o meu é un xesto de transgresión. De, mire, vostede non é ninguén mamarracho. Que o saiba a xente, que non merece respecto porque é un narcopresidente”, manifestou durante unha conferencia na facultade de Políticas, na que dixo que “cando se desculpe” o presidente autonómico, ao mellor él tamén “se desculpa”.
Previamente, Beiras pediu a Feijóo que se “desculparse pola súa actitude en toda esta peripecia” das fotografías con Marcial Dorado e tamén polo comportamento do Partido Popular na Guerra de Iraq ou o 11-M. Que o faga, dixo, en lugar de “distribuír estupefacientes ideolóxicos e propagandísticos”.
Así mesmo, censurou que o presidente, “en vez de dar as explicacións requiridas pola oposición, se erixise en fiscal acusador da oposición e lles chamase infames aos membros dos outros grupos parlamentarios”.