Ciencia y Tecnología Destacados

A CIG denuncia que 113 camas do Complexo Hospitalario de Pontevedra estarán fora de servizo de xuño a outubro

A federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG) de Pontevedra vén de denunciar que aproximadamente o 20% das camas  -113- do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) estará fóra de servizo do 1 de xuño ao 31 de outubro.

Dende a central nacionalista indican que se en anos pasados esta medida afectaba aos dous meses do verán, coincidindo co período vacacional, agora xa afecta a cinco meses, polo que “a este paso teremos un hospital de tempada”, e rexeita o argumento de racionalización do gasto, “pois hai outras partes onde se pode reducir: cargos directivos, asesores, gabinetes de prensa e outros chiringuitos”.

O sindicato onsidera que estas medidas de recorte nas prestacións sanitarias impostas pola Consellaría coa compracencia da Xerencia ten consecuencias moi negativas tanto para os usuarios da Área Sanitaria de Pontevedra – lembran que neste período aumenta a poboación de xeito considerábel – como para os postos de traballo, “xa que moitos desaparecerán ao reducirse a contratación”.

Na súa opinión, esta medida “condena o persoal das listas de contratación ao paro permanente, xa de por si gravemente prexudicado polos recortes en permisos, vacacións ou baixas do persoal fixo”. Tamén ten consecuencias para os mais dos 120 traballadores dos servizos afectados por este peche ao supoñer un trastorno importante no desempeño do seu labor, xa que moitos teñen que desprazase a outras unidades. “Atopámonos claramente diante dunha decisión máis deste Goberno para reducir a sanidade pública a unha prestación de beneficencia”, censuran.

Relación de camas que estarán fóra de servizo:

Hospital Montecelo. Cirurxía (impar), 28 camas do 15 de xullo ao 15 de setembro. Neumoloxía, 10 camas do 15 de xullo ao 30 de setembro

Hospital Provincial. Lactantes, 15 camas do 1 de xuño ao 31 de outubro. Dermo-Oncoloxía, 9 camas do 1 de xuño ao 31 de outubro. Medicina Interna III, 33 camas, durante tres meses desde o 1 de xullo ao 30 de setembro. Xinecoloxía, 18 camas desde o 1 de xullo ao 15 de setembro.

 

También te puede interesar