O número de persoas maiores de 65 anos aumentou en Galicia nos últimos 10 anos en máis de 65.000 persoas e delas máis de 30.000 superan os 85 anos, segundo os datos da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía (SGXX), difundidos este venres en A Coruña no congreso desta entidade.
O seu presidente explicou en rolda de prensa que “mentres a poboación total galega diminúe lixeiramente, a poboación de maiores ascende rapidamente” e indicou que o aumento na esperanza de vida entre a poboación galega provoca que haxa “máis probabilidades” de que aparezan enfermidades, sobre todo entre o colectivo de máis de 85 anos.
Neste sentido, afirmou que “posiblemente en Galicia haxa máis de 50.000 persoas con demencia”, moitos delas sen diagnosticar que, moitas veces chegan a converterse en persoas dependentes, por iso “é prioritario que se faciliten axudas a este colectivo, aínda que os recortes económicos non permiten satisfacer todas as demandas”.
Estas e outras cuestións abordaranse no congreso da SXGG, baixo o lema ‘Investigación, Desenvolvemento e Innovación en Xerontoloxía e Xeriatría’ e no que participan 250 persoas. Neste espazo debateranse e compararán os resultados de investigacións no campo do envellecemento.