O Observatorio para a Liberdade Relixiosa e de Conciencia (OLRC) denunciou o cartel publicitario de Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) no que aparece unha muller crucificada por considerar que supón “unha falta de respecto cara ás vítimas do aborto e unha mofa cara aos cristiáns”.
Esta asociación considera que “non se pode permitir que saia gratis rirse dos cristiáns. O crucifixo é un símbolo sagrado para os crentes desta relixión. Non obstante, os partidos políticos, que deberían velar polo ben común, dedícanse a difundir estas mofas ou a calar ante elas”.
Unha voceira do observatorio apuntou, apoiándose no artigo 18 da Declaración Universal de Dereitos Humanos, rubricada por España, no artigo 16 da Constitución Española e no artigo 523 do Código Penal, que con esta campaña “o PSOE está a violar a orde xurídica española mentres o Goberno cala”.