Deportes

A marcha cicloturista ‘Etapa de la Vuelta’ será o prolegómeno da saída da Volta a España dende Arousa

A Deputación Provincial de Pontevedra e Unipublic apostan por converter a Volta a España en “moito máis que un evento deportivo, nun gran evento social, que é o que debe ser”. O presidente da Deputación, a deputada Begoña Estévez e o director de Unipublic, Javier Guillén, presentaron este xoves no Pazo Provincial o evento ‘Etapa de la Vuelta’ co que se pretende que o maior número posible de persoas participe de forma activa na Volta ciclista.

Con este obxectivo, a véspera da saída da Volta, o día 23 de agosto, celebrarase unha marcha cicloturista, na que poderán participar todos os afeccionados á bicicleta que así o desexen. Nesta liña, e segundo resaltou Javier Guillén, trátase de que non só participen da terceira maior proba ciclista a nivel mundial os que ven ciclismo, senón tamén os que practican ciclismo, algo especialmente relevante nunha comunidade que, tal e como indicou, está entre as que máis practica e defende este deporte.Trátase dunha carreira na que os organizadores agardan que participen persoas non só de Galicia, España ou Portugal, senón de toda Europa.

Percorrido

Os que se inscriban para participar nesta proba sairán do mesmo punto de partida do que, ao día seguinte, o farán os corredores profesionais e, ademais, terán ocasión de sacarse unha fotografía na batea que servirá de saída á Volta 2013, sentíndose como verdadeiros participantes na Volta.

Despois dun percorrido de 127 quilómetros, chegarán á meta, situada no Mirador de Lobeira de Vilagarcía (meta da terceira etapa), onde se organizará unha gran festa popular.

Antes, os participantes deberán facer un percorrido que pasa Caleiro, Ponte Arnelas, Meis, Caldas de Reis, Moraña, Campo Lameiro, o Alta de Carballa Redonda, Cerdedo, A Estrada e Zamar, en Vilagarcía de Arousa, para chegar ao Mirador. Cruzarán no percorrido 3 portos de montaña (Alto de Campo Lameiro; alto de Carballa Redonda e o Mirador de Monte Lobeira).

Trátase dun percorrido esixente pero asequible para a maior parte das persoas e que estará completamente preparado como se cunha etapa da Volta oficial se tratase. Así, haberá 4 avituallamentos (completos e líquidos) ao longo da proba, un avituallamento líquido á chegada ao Mirador de Lobeira e outro completo na zona de saída/chegada en Vilanova de Arousa.

Proba aberta

A proba está aberta a todos os que desexen participar, aínda que a aqueles que non dispoñan da licenza federativa deberán obter unha diaria, que no mesmo momento da inscrición se lles explicará como obter. A inscrición poderá facerse premendo aquí, onde tamén poderán obter toda a información relativa á proba.

O prezo de inscrición será de 20 € (o prezo medio destas probas é de 40 €) e incluirá, ademais de todo o requirido para participar na proba, a comida popular coa que se pechará, unha festa o día anterior, cando se procederá á entrega de dorsais; unha camiseta conmemorativa e un chip co que os corredores poderán obter información dos tempos parciais do seu percorrido (conxunto da proba, portos de montaña…).

O Presidente da Deputación durante a presentación de A Volta, en Vigo/Tresyuno Comunicación

Magnífico prolegómeno

Rafael Louzán, destacou o “magnífico prolegómeno” que esta proba supón para a Volta a España e amosouse convencido de que as mil persoas que Unipublic conta reunir nesta proba se duplicarán ou triplicarán, dado o gran peso que o ciclismo ten en Galicia.

Neste sentido, Begoña Estévez recordou que a provincia conta con 97 clubs ciclistas, aos que agradeceu a súa implicación tanto na celebración da Volta o pasado ano como a que están demostrando nesta edición.

 

También te puede interesar