O colectivo ContraMINAcción chama a toda a cidadanía galega a apoiar masivamente a manifestación que se celebrará este domingo, 2 de xuño, en Santiago de Compostela, para obrigar á Xunta a “escoitar un sentir maioritario que se opón ao acaparamento e destrución de amplas zonas do noso territorio a mans da industria mineira”.
ContraMINAcción fai este chamamento porque “ao amplo historial destrutivo da minaría no noso país, que contou sempre coa conivencia dos poderes públicos”, quérense sumar agora ducias de novos proxectos que ameazan con arrasar -coa posta en marcha de explotacións altamente contaminantes e a ceo aberto- comarcas como A Barcala, A Fonsagrada, A Limia, Ancares, Baixo Miño, Bergantiños, Celanova, Compostela, O Eume, Ordes, O Ribeiro, Terra Chá, Terra de Soneira, Vigo ou Xallas.
Os novos proxectos mineiros que pretende autorizar a Xunta en Baleira, Baralla, Becerreá, Castrelo de Miño, Corcoesto, Frades, Fragas do Eume, Mesía, O Pino, Oroso, Santa Comba, Santiago, Serra de Fontecuberta, Serra do Galiñeiro, Trasmiras, Xinzo ou Zas, “destruirán espazos protexidos de incalculable valor ecolóxico, esquilmarán a terra da que viven miles de labregos e labregas e obrigarán ao exilio forzoso a todas aquelas persoas que tiveron a mala sorte de ter os seus fogares sobre recursos mineiros de dubidosa utilidade pública e cos que certas empresas queren especular para o seu único e exclusivo lucro privado”.
A manifestación partirá da Alameda ás 12:00 horas e percorrerá rúas compostelás como a Senra, Praza de Galicia, Doutor Teixeiro, Hórreo, Toural ou o Vilar, para rematar na praza da Quintana. Alí, representantes das organizacións e colectivos que integran ContraMINAcción ou que loitan contra este tipo de proxectos sen necesidade de pertencer a esta plataforma, lerán un manifesto coral co que tentarán “sensibilizar á sociedade galega desta ameaza global que afecta ao país enteiro”.