O xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz solicitou ao Partido Popular os libros de contabilidade das sedes territoriais de Galicia, Cantabria, Cataluña, La Rioja, Málaga e Sevilla de diferentes exercicios comprendidos entre os anos 1997 e 2008. No caso concreto de Galicia, a petición refírese aos “libros do maior e diario” de Galicia correspondentes aos anos 1997, 1998 e 1999.
Nun auto ditado este venres, o xuíz Ruz tamén reclama ao PP a súa conta de gastos de representación entre 2004 e 2012, e o libro de visitas da súa sede central, na rúa Génova de Madrid, para comprobar as visitas que puideron facer os oito construtores imputados na causa na que se investiga a suposta contabilidade B da formación.
As novas dilixencias, adoptadas a instancias do fiscal anticorrupción Antonio Romeral, tamén comprenden unha petición á Axencia Tributaria para que dea conta das “imputacións de cobramentos e pagamentos realizadas por terceiros ao Partido Popular nos exercicios de 1990 a 2005, ambos os dous inclusive”.
O xuíz Ruz tamén solicita a este departamento, dependente do Ministerio de Facenda, documentación sobre a declaración de operacións con terceiros que realizaron unha trintena de empresas, entre elas as dos construtores imputados, así como as declaracións do Imposto de Sociedades que o PP presentou nos exercicios de 2007 e 2008.
O instrutor xustifica no seu auto que todas estas dilixencias son necesarias para “indagar sobre diferentes apuntamentos contables que aparecen nos soportes documentais investigados”, así como para “establecer as consecuencias de índole xurídico-penal que daquelas puidesen derivarse”.
En concreto, o xuíz que investiga os denominados ‘papeis de Bárcenas’ solicita ao PP a “conta do maior titulada ‘Gastos de Representación”‘ e do período comprendido entre 2004 e 2012 “o soporte documental, incluída as ordes de transferencia bancaria, das anotacións contables acreditativas dos pagamentos.