Entre el 2 junio y el 15 de julio
Leer másO paro baixou en maio en Galicia en 6.573 personas, pero aínda hai 283.886 desempregad@s
O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego descendeu en 6.573 persoas en maio en Galicia, o que supón un do 2,26% respecto ao mes anterior e deixa o total de desempregados na comunidade en 283.886, de acordo cos datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Non obstante, na comparación interanual, o desemprego segue amosando un incremento. En concreto, o paro subiu un 2,63% en maio respecto ao mesmo mes do ano pasado, o que implica que se sumaron ás listas 7.278 persoas en todo o país.
Galicia suma o seu terceiro mes consecutivo de baixada do paro e sitúase en maio como a sétima comunidade cun maior descenso do paro en termos relativos. Iguala o descenso rexistrado en Cataluña, que é tamén do 2,26% en maio respecto a abril.
O desemprego caeu máis entre os homes que entre as mulleres en maio, de modo que entre eles descendeu un 2,85%, ata un total de 138.545 persoas; mentres que os rexistros de paro feminino mostran unha cifra total de 145.341, un 1,69% menos. En canto aos menores de 25 anos, estaban anotados nas listas do desemprego un total de 19.670 en maio, o que supón un descenso do 4,48%.
Por sectores, todos experimentaron caídas, aínda que o maior descenso o rexistrou, en termos relativos, o da construción, que reduciu un 3,17% o número de desempregados, ata 44.654. En termos absolutos son os servizos os que logran unha maior contención do desemprego, cunha caída de 4.019 persoas. Na industria o paro baixou un 2,29% e situou o total de desempregados en 39.611; mentres que na agricultura a caída foi do 1,53%, de modo que a cifra se situou en 9.376. Por último, o colectivo sen emprego anterior apenas reduciu o desemprego e a caída é de só 16 persoas (un 0,07%), co que o total é de 23.275 parados.
Todas as provincias galegas rexistraron descensos do desemprego en maio. O máis acusado é o de Pontevedra, cun retroceso do 2,81%, deixando o total de personas sen emprego en 111.996, o que supón que hai 3.241 persoas menos anotadas, aínda que na comparación interanual o paro aumenta un 2,86%.