A Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Discapacidade da provincia de Pontevedra denuncia publicamente o funcionamento do servizo de transporte 065. Segundo os datos comunicados polo Presidente da Federación Cogami-Pontevedra, Ángel Holguera, durante o 2012 e o que vai de 2013, presentáronse na Federación reiteradas denuncias realizadas por persoas usuarias do servizo 065, procedentes de concellos como Vilanova de Arousa, Tui, Vigo, Ponteareas, Mos, Sanxenxo, Baiona e Caldas de Reis.
Entre algunhas das graves incidencias recollidas está a dun usuario do servizo que tivo que realizar unha viaxe de Vigo a Santiago. A recollida no domicilio retrasouse media hora, e logo, foi comunicado de que o vehículo tiña que ir ata Ourense antes de dirixirse a Santiago. Esta mesma persoa, comunica que noutra ocasión non o recolleron e non puido acudir a un exame.
Outras incidencias están relacionadas coa negativa do condutor na colocación do cinto de seguridade por considerar que a cadeira de rodas non o precisa, retrasos nas recollidas que supera a hora de espera porque teñen que incorporar a máis xente no servizo, negación do transporte para asistir a sesións de fisioterapia, servizo de transporte ida pero non de recollida para a volta á casa, e mesmo, negativa a poder usar o transporte 065.
Ante estas incidencias presentadas, Cogami esixe que o servizo sexa mellorado para poder satisfacer as necesidades do colectivo que o usa, as persoas con mobilidade reducida que teñen complicado poder usar outro tipo de transportes públicos, sobre todo no ámbito rural, onde practicamente se carece doutras alternativas.
Para a Asociación de Persoas con Discapacidade , o servizo de transporte 065 resulta “fundamental e imprescindible para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade porque lles favorece na consecución dunha plena integración social”.