A Consellería de Sanidade acolleu a principios de semana a mesa de adxudicación do concurso para a redacción e revisión de proxectos, dirección facultativa de obras, mantemento e subministración enerxética de 15 centros de saúde, entre eles o de Tui, e da ampliación do Hospital do Salnés, o que supón a última fase do proceso administrativo de adxudicación deste contrato.
A proposta de adxudicación, por un importe de 10.909.284 €, correspondeu á empresa Cofely España, que presentou o mellor proxecto técnico e a mellor oferta económica. Dito contrato inclúe a redacción e revisión dos proxectos dos centros de saúde de Arteixo, Galeras (Santiago), Malpica, A Capela, O Couto (Ourense), A Valenzá (Barbadás), Nigrán, Oia, Tui, Ares, Cambre, Pontedeva, Gondomar, Marín e Culleredo; así como a ampliación do Hospital do Salnés, en Vilagarcía de Arousa.
A partir da sinatura do contrato, que se agarda para a segunda quincena deste mes, a adxudicataria ten un máximo de seis meses para entregar os proxectos arquitectónicos de cada un dos centros, que se irán licitando a medida que se vaian entregando.
Para o alcalde de Tui esta é unha magnifica noticia, segundo. Moisés Rodríguez “esta obra será un importante fito nos equipamentos públicos tudenses. Xunto coa Escola Infantil a piques de rematar, o Consorcio da Auga do Río Louro, ou a Vía de Altas Prestacións Tui – A Guarda”, que, segundo salientou , “supón unha importante mellora da calidade de vida dos veciños”.