Cultura

Rodrigo Romaní, presidente da SGAE en Galicia

O Consello Territorial da Sociedade Xeral de Autores de España (SGAE) en Galicia elixiu o músico e autor Rodrigo Romaní como presidente e encargado de representar esta entidade nos ámbitos social e institucional.

Segundo informou a SGAE, a designación de Romaní tivo lugar no curso da xornada de constitución do Consello Territorial galego, novo órgano de goberno da entidade que traballará na democratización e a participación do colectivo de autores e editores de Galicia na xestión da entidade.

Cofundador do grupo Milladoiro, Rodrigo Romaní desenvolveu tamén unha carreira musical propia, publicando traballos en solitario ou como integrante de Lizgairo. Director da Escola de Música Tradicional de Vigo, é tamén director da orquestra folk Sondeseu.

Os oito membros que formarán parte do consello territorial galego da SGAE son Fon Román, Rodrigo Romaní, Javier Fernández Soto e Juan Rivas en representación do sector da música; Puri Seixido e Víctor Sierra polo audiovisual; Fernando Luaces – de Boa Música Editorial – polo gremio de editores; e Vicente Montoto no ámbito das artes escénicas.

 

También te puede interesar