Galicia

O salario medio en Galicia foi de 19.970 € en 2011

O salario medio anual en Galicia foi de 19.970,29 € en 2011, o terceiro máis baixo do Estado, segundo a ‘Enquisa Anual de Estrutural Salarial’ do Instituto Nacional de Estatística (INE). A ganancia media anual dos galegos descendeu en 2011 un 1,3% respecto ao ano precedente, pero a maior caída sufrírona as mulleres.

Así, o salario medio anual para as mulleres galegas foi en 2011 de 17.291,96 €, un 2,3% menos que o ano anterior, e o dos homes foi de 22.381,85 €, un 1,1% menos que en 2010.

Por comunidades autónomas, os salarios máis elevados corresponderon a País Vasco (26.370,36 €), Madrid (25.845,2 €) e Cataluña (24.499,32 €), fronte ás remuneracións máis baixas, que se localizaron en Canarias (19.516,96 €), Extremadura (19.879,46 €) e Galicia (19.970,29 €).

O soldo medio anual dos traballadores con contratos temporais foi un 33% inferior ao dos contratados de xeito indefinido durante o ano 2011, mentres que o dos directores e xerentes superou nun 137,5% o salario bruto medio dese mesmo ano. En concreto, os traballadores temporais gañaron unha media de 16.463,14 € anuais en 2011, un 1,4% menos que en 2010, fronte aos 24.494,96 €dos contratos indefinidos (-0,3%).

 

 

También te puede interesar